26/08/10

'Despreza a cultura galega' Pontón (BNG): 'A Xunta ignora a Castelao, Rosalía e Carvalho Calero'

A deputada do BNG Ana Pontón considera que a Xunta ‘despreza a cultura galega’ ao esquecer as efemérides de Rosalía de Castro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Carvalho Calero, tres personalidades ‘de especial relevancia’ tanto no ámbito cultural coma da política galega.
Ana Pontón anunciou, en rolda de prensa, a presentación de varias interpelacións para "coñecer" as razóns que levan a Xunta a "ignorar" o 125 aniversario da morte de Rosalía de Castro, o 60 aniversario do falecemento de Castelao e o centenario do nacemento de Carvalho Calero.

A deputada nacionalista explicou que estas tres personalidades "xogaron un papel moi importante" na recuperación cultural da Comunidade galega, así como na "defensa e normalización" da lingua, polo que sinalou que "era necesario" que a programación cultural deste 2010 estivese centrada nestas tres figuras.

Ademais, cualificou de "inconcibíbel" que na recta final do 2010 o Goberno galego "non realizara" ningunha actividade que "realce e difunda" a vida e obra de tres das figuras "máis importantes" da historia galega, "tanto no ámbito interno como no campo internacional", o que demostra, ao seu xuízo, o "claro desprezo do propio" e a "exaltación do alleo" que leva a cabo a Xunta.

"Cinismo popular"

Así mesmo, Ana Pontón recordou que na sesión plenaria do 13 de abril do 2010 se aprobou por unanimidade unha proposición non de lei promovida polo BNG en relación coa "protección e difusión" da obra de Castelao que o goberno "esqueceu rapidamente", o que demostra, segundo ela, o "cinismo" do Partido Popular, ao que acusou de "votar unha cousa na Cámara" e despois "pasar de todo".

Ante isto, a nacionalista pediulle á Xunta que cumpra coas súas obrigas, "defenda" os valores culturais da comunidade e deixe de atacar o patrimonio cultural de todos os cidadáns, xa que as "únicas actividades" en recordo das tres personalidades "son realizadas" por asociacións culturais de base, ou concellos nos que o BNG ten representación.

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada