16/05/11

Lois Pereiro

Lois Pereiro
1958, Monforte de Lemos - 1996, A Coruña
Poeta, xornalista

A imaxe de Lois Pereiro é reflexo da súa actitude fronte a vida: esgazada, crúa e espida coma os seus versos. Estes elementos determinaron o mito marxinal e cosmopolita que o poeta personifica. A autodestrución, a desolación, a morte, son os temas predominantes na súa poesía. Da aniquilación á nostalxia foi o camiño literario que andou, deixando unha pegada cada vez máis fonda en lectores cada vez máis novos.
Lois Pereiro nace en Monforte en 1958. Realiza estudos de tradución en Madrid, cidade á que marcharía co seu irmán Xosé Manuel con só dezasete anos. Alí mantense economicamente vertendo ao castelán filmes e series para a televisión..


Pero en Madrid vai estar vencellado, por amizade e por proxectos comúns, ao grupo que formaba con Manolo Rivas, Antón Patiño ou Xavier Seoane. Co esforzo de todos, naceron as publicacións de pulo innovador, e agora xa míticas, Loia ou Luces de Galiza.
Porén, os riscos asumidos na vida madrileña de principios dos oitenta fixeron que Lois determinase o seu regreso á Coruña, onde se manteñen os nexos con aqueles que constituían o grupo de Madrid, e, de novo aquí, vivirá fundamentalmente do xornalismo. Iso si, no eido poético participa na publicación colectiva De amor e desamor e integrarase, durante 1984 e 1985, no colectivo de mesmo nome. Este feito permite que o público comece a coñecer a súa obra e a valore con compracencia.
Gaña o Concurso Nacional de Poesía O Facho: todas as súas creacións poéticas, espalladas en antoloxías ou publicacións colectivas, reúnense en Poemas. 1981/1991, en 1992. O seu primeiro libro publicado reflicte xa unha tendencia etiquetada como punk, moi presente na súa vida. As razóns para esta clasificación son, a saber, unha actitude certamente existencialista, de sarcasmo esmagador e corrosivo, un xogo de chiscadelas á autodestrución e á morte. No entanto, as súas influencias semellan ben sofisticadas. Prioritariamente chéganlle do centro de Europa, do expresionismo austro-alemán, de Thomas Bernhard, Peter Handke ou de Carver. Pero non hai que esquecer que Valente é referente fundamental nos seus primeiros pasos: ao seu abeiro nace como poeta.
En 1995 aparece a Poesía última de amor e enfermidade. Con só dous libros publicados xa define un estilo literario curto e tenso, cualificado como de economía expresiva: non se excede en recursos formais, emprega abundantemente o establecemento dicotómico de realidades elementais (amor/desamor, vida/morte). Neste derradeiro libro, en vida, de Lois, que foi reeditado nos últimos tempos, atópase un novo xeito de entender a existencia: para aprehendela en profundidade é necesario ter conciencia da morte. Isto pode ter unha interpretación vitalista que encaixaría coa ríxida etiqueta de poeta maldito, ao entender que esta postura fronte á vida nace da súa propia experiencia, que se mergulla na liña que a separa da morte.
Lois Pereiro morre pouco despois, en 1996. Nese ano do seu finamento, o seu irmán, Xosé Manuel, fai que saia á luz Poemas para unha Loia, constituído a partir de composicións da época madrileña, xa publicadas naquela revista Loia, e dun ensaio: "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia". Nel expón moitas das súas ideas e conviccións sociais e políticas, ofrecendo unha panorámica que inclúe unha chea de referencias directas a escritores, filósofos ou políticos dos que bebe.
Ademais, deixou oito capítulos dunha novela inacabada, Náufragos do paradiso, publicados naquela revista que fora dirixida por Manolo Rivas, Luces de Galiza.
Pero Lois Pereiro tamén lle puxera letras ás melodías do grupo punk Radio Océano, que o seu irmán lideraba. Porque o esforzo de Lois estivo canalizado cara á contracultura, na que militaba con vehemencia. E así, as súas verbas tamén se debuxan en fancines ou en escollidos guións
Esta condición de outsider provoca a reticencia dos académicos á hora de dedicarlle o Día das Letras Galegas, pasados xa máis de dez anos da súa morte, a pesar de que a súa obra é cada vez máis valorada polos lectores e máis considerada pola crítica.

Letras Galegas: Lois Pereiro, poema.

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise
sabendo que deberia ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio
só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais do amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna
sustituíndo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resistencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia.

05/05/11

A normalización desde a cociña

O programa marco do BNG define a normalización da lingua galega como un obxectivo preferente
ERMITAS VALENCIA ROMAR
Terra e Tempo

Na véspera do comezo oficial da campaña electoral, que terá como resultado, as novas corporacións municipais, compre reflexionar sobre a eficacia dos nosos Servizos de Normalización Lingüística e do necesario compromiso do nacionalismo co idioma.

O programa marco do BNG define a normalización da lingua galega como un obxectivo preferente, transversal e central da acción do BNG nos concellos.

Nun momento no que os orzamentos municipais mingúan, faise imprescindíbel o carácter transversal nas accións normalizadoras. As propostas, materiais e actividades en galego a disposición dos/as veciños/as poderíanse multiplicar por 1.000 se conseguiramos que a lingua galega fose lingua vehicular na oferta de ocio para mozos/as e maiores, ciclos de cinema infantil, actividades extraescolares e deportivas, obradoiros nas bibliotecas, as festas, etc.

Por todo isto é necesario que os SNL non só desenvolva propostas cara o incremento do uso e prestixio da lingua galega, senón que debería colaborar coas diferentes áreas do concello para determinar nelas obxectivos e medidas normalizadoras.

O SNL sempre debe ter unha área política específica. Ou alguén imaxina un concello no que o urbanismo ou o servizo de obras non tivera area política da que dependesen?.Non podemos permitir, que os SNL estean no limbo, sen que ninguén saiba de quen depende e sen partida orzamentaria propia. Por pequena que sexa, débese sempre dotar economicamente, coa súa partida orzamentaria definida.

E para poder desenvolver este traballo é fundamental ter un SLN dotado de medios materiais e humanos. E o máis importantes, temos que darlle estabilidade. De nada serve ter un técnico/a traballando 6 meses ou desenvolver algunha actividade cultural ao redor do 17 de maio. Deste xeito nunca imos conseguir prestixiar a nosa lingua, nen conseguiremos que a calidade lingüística nos nosos concellos alcance un nivel aceptable.

O Consello Social da Lingua, no que se integren os diferentes colectivos e no que se definan as campañas a prol do galego é unha ferramenta de participación fundamental. Socializar as propostas a desenvolver é a mellor medicina para evitar as mentiras e a intoxicación do españolismo.

A aprobación ou actualización dunha ordenanza para o impulso do uso do galego, facilitará a aplicación da legalidade no noso concello, ademais do compromiso institucional das forzas políticas, que deben declarar o seu apoio ao cumprimento da lexislación vixente con respecto da lingua galega.

Os concellos, como administración máis próxima, debe ser garante dos dereitos lingüísticos dos veciños e veciñas, ao mesmo tempo que prestixia o uso da lingua, desde os diferentes ámbitos de actuación.

04/05/11

03/10/10

Mil 'facebookeiros' cos medios en galego

'Os medios en galego importan'
A plataforma 'Os medios en galego importan' xa ten máis de mil fans no facebook. Moitos dos usuarios que apoian o lema do manifesto achegan as súas ideas e reflexións no propio espazo da rede social.
Máis de mil usuarios do facebook fixéronse fans do espazo de 'Os medios en galego importan' nos primeiros días de existencia do recanto da plataforma na famosa rede social.

Moitas das persoas que indican que lles gusta a plataforma son asinantes do manifesto a prol dunha prensa en galego sustentábel e deciden unirse á páxina do facebook para poderen publicar as súas impresións, desexos ou ideais ao redor do tema da prensa do país.

Os principais comentarios publicados relacionan a necesidade de que haxa medios de comunicación que se expresen en galego coa continuidade da lingua galega como idioma vivo e útil para a sociedade que o emprega.

Lugo impulsa o uso do galego nas tendas

'NESTE COMERCIO, O GALEGO VENDE'

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, presentou este luns a campaña de dinamización lingüística 'Neste comercio, o galego vende', que pon en marcha a Área de Cultura da Deputación en colaboración con Lugo Centrum.


No acto tamén estivo presente o presidente de Lugo Centrum, Xosé Sánchez Bergantiños. A iniciativa está dirixida ao comercio lucense e ten o obxectivo de incentivar o uso do galego nas relacións de compra-venda que se leven a cabo no marco do mesmo.

Como explicou Antón Bao, "coa campaña fomentarase o uso do galego escrito e oral no ámbito do sector do comercio da cidade de Lugo, dentro das actividades habituais destes estabelecementos, incidindo tanto na promoción xeral do galego, como no uso do mesmo nas relacións directas cos usuarios e usuarias". Sinalou a importancia de "aumentar a presenza da nosa lingua na actividade diaria dos comerciantes", de xeito que se asegure a presenza do galego nos documentos internos e no material de publicidade ou de campañas, ao mesmo tempo que "se contribúe a asentar a valorización positiva da lingua galega entre a cidadanía, e se desbotan os prexuízos cara á lingua galega".

Pola súa banda, Xosé Sánchez Bergantiños manifestou o seu agradecemento "a Área de Cultura da Deputación, xa que deste xeito poderemos contribuír de forma conxunta a unha promoción da lingua á vez que se dinamiza o sector".

09/09/10

Non perdas ningún podcast galego

Podgalego.org é unha web que ordena e pon ao dispor do ouvinte de radio en galego todos os arquivos de son na nosa fala que se poden atopar na rede.

A Nosa Terra.

Desde o 2006, a páxina electrónica podgalego.org fai máis doado seguir os programas de radio feitos en galego a través da internet. Os administradores da páxina procuran podcasts (ou falangullos, como lles gustan chamarlle en galego) gravados en galego. Nestes anos recompilaron podcasts de moi diversos tipos, desde programas locais a podcasts musicais, pasando por iniciativas de asociacións culturais ou xuvenís.

Ademais de actualizar e pór a disposición do usuario o que se pode ouvir en galego, a páxina tamén aprende a facer podcasts e a resolver dúbidas sobre os programas necesarios en cada sistema operativo para ouvir as pezas.

O podcast é unha palabra inglesa de orixe incerta. Define os arquivos sonoros que se poden descargar pola internet e escoitar nun reprodutor de mp3 (no ordenador, no IPod ou no móbil), preferentemente. Hainos que unicamente conteñen a voz dun locutor falando dalgún tema pero ultimamente tamén se poden ouvir podcasts elaborados ao xeito de programas de radio, con música intercalada.

A Cámara pide consolidar o galego na Administración

Os grupos con representación no arco parlamentario galego aprobaron por unanimidade instar á Xunta a ‘consolidar’ o galego como lingua ‘de referencia’ na Administración autonómica.

A Nosa Terra.



En comisión parlamentaria, o impulsor desta iniciativa, o nacionalista Bieito Lobeira, sinalou que os administrados teñen "o dereito" de ser atendidos en galego por parte do funcionariado e criticou que, en ocasións, isto non suceda.

Con esta visión coincidiu o representante do PSOE neste debate, Xosé Manuel Laxe, quen subliñou que os traballadores da Función Pública deben ter un alto grao de "compromiso" coa lingua propia.

Tamén os populares se amosaron favorábeis á aprobación deste texto, a través do seu deputado Agustín Baamonde, quen abundou en que o idioma da Administración debe ser o propio da autonomía.

Tras solicitar o apoio dos dous grupos parlamentarios restantes, o parlamentario do Bloque ironizou sobre a "relación sádica" co idioma galego que manteñen os populares.

08/09/10

Xa se pode asinar o manifesto polos medios en galego

Lanzado onte por un grupo de escritores e xornalistas, xa está aberto a novas incorporacións o manifesto 'Os medios galegos importan'



Na web www.osmediosengalegoimportan.com xa se pode asinar o manifesto lanzado onte, unha das primeiras iniciativas sociais organizadas ante a crise dos medios de comunicación en galego. Xosé Manuel Pereiro, Ignacio Ramonet ou Marilar Aleixandre son algúns dos primeiros asinantes aos que poden sumar novas adhesións a través desta páxina web.


"Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora", é unha das frases do manifesto que veñen de facer público un grupo de xornalistas, escritores e intelectuais, catalizado pola anuncio do peche da edición en papel de A Nosa Terra, que se suma a outras clausuras como a recente do portal dixital Vieiros.

O manifesto critica a inibición dos poderes públicos e reclama a súa implicación, "ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto"

04/09/10

A Xunta compra menos libros en galego e castiga a editorial de A Nosa Terra


O investimento en novidades editoriais no idioma propio chegou aos 1.3 millóns anuais co bipartito, pero este ano é unicamente de 871.000 euros para 16 editoriais, entre as que hai algunha ausencia moi significativa.
A Consellería de Cultura acaba de resolver o concurso anual para a compra de novidades editoriais en galego. A Xunta do PP investirá 871.595 na compra de libros. Esta cantidade supón unha caída no investimento neste eido, pois en 2009 a Administración, xa en mans do PP, mercou un millón de obras en dous concursos.



Recorte do 33% respecto ao bipartito

A caída é maior respecto ao bipartito, que en 2007 bipartito chegou a investir 1,3 millóns ao ano na adquisición de volumes na lingua propia do país para as bibliotecas públicas. Respecto a 2007, este ano hai un baixón de máis do 33 por cento.

Edicións Xerais e a Editorial Galaxia son as maiores beneficiadas deste concurso negociado sen publicidade, con máis de 157.000 euros en libros cada unha.

A certa distancia sitúanse Laiovento (60.000), Kalandra (57.000 en dous lotes), Espiral Maior (51.000), Danú (57.000) e Baía Edicións (57.000). Menos de 50.000 euros conseguiron vender o resto de editoriais, Nova Galicia, Edizer, Kalandraka,Gesbiblio, Ir Indo, OQO, Vedoira, Comunio e Tosoxoutos.

Por que non se lle mercan libros a A Nosa Terra?

Non conseguiu vender ningún lote Promocións Culturais Galegas, compañía do Grupo San José e editora do semanario nacionalista A Nosa Terra, malia ser en teoría a terceira editorial en volumes publicados e ter logrado importantes lotes nos concursos doutros anos.

O procedemento negociado sen publicidade permite ás administracións contratar unha empresa sen unha competencia aberta, só solicitando ofertas a un reducido de compañías escollidas polo propio Goberno. Este método, o menos transparente dos que marca a lei, é o que ven aplicando ano tras ano a Xunta para mercarlle novidades ás editoriais do país.

27/08/10

INCRÍVEL. A LIBERDADE DE EXPRESSOM EM COMPOSTELA CUSTA 1.800€




A Gentalha do Pichel foi sancionada polo concelho com umha multa de 1500€ por colocar umha faixa na cacharela de sam joám que dizia "na galiza só em galego". (Estava tramitada a petiçom para poder afixar cartazes e faixas, mas, como é habitual, nom respondêrom). Segundo os nossos dirigentes municipais, pendurar umha faixa na parede constitui um delito de "ocupaçom indevida da via pública". Os 300 € restantes respondem a outra multa por exceder supostamente o horário permitido.

Os centos de bandeiras espanholas penduradas em janelas e varandas durante o mundial, as celebraçons de milhares de energúmenos polas ruas da cidade até altas horas da madrugada e as praças cheias de fanáticos impedindo o tránsito ... nom merecem a mesma sançom? parece que isso nom é "ocupaçom indevida da via pública".
Aqui estám as provas da solicitude para colocar a faixa; como sempre, nem houvo resposta.
Nesta cidade postal, só é legal aquilo que agrada aos turistas; a dissidência de pensamento tem preço.